Héctor Pose e Héctor Francesch presentan Lascas o próximo venres 18 e o sábado 19 de decembro no Kiosco Alfonso

Estraperlo - Lascas

O próximo venres 18 de decembro ás 19h e o sábado 19 ás 12.30h, no Kiosco Alfonso (Av. Jardines de Méndez Núñez, 3, A Coruña), Héctor Pose e Héctor Francesch presentarán Lascas, o libro no que traballaron xuntos que agora publica a editorial Estraperlo.

Lascas recolle acontecementos do cotián narrados por Héctor Pose e as ilustracións coas que Héctor Francesch os interpreta. Na primeira narración do libro, Pose explica a natureza da publicación:

Sempre, na costura da escrita, xorden múltiples fíos de onde tirar e agroman novas historias. Procurando urdir diálogos e acontecementos, no dito proceso creativo abrochan palabras que responden a outras motivacións. Son labras do que estás a producir e que, no transcurso do tempo, amoreas. 

Amólate tirar tales retallos ao lixo. Son bosquexos cos que maridar máis emoción e verosimilitude. E gardas. Cando te decatas, tes comezos e remates, nomes e sucesos de relatos que algún día poderías desenvolver. Ou non. Se callar, son breves porque abonda esa curta extensión para transmitir o que se pretende. 

Velaí estas lascas froito dese xuntar, con certo resaibo a salmoira. Algunhas naceron á beira do mar, ollando ao Atlántico. Outras, tróuxoas o devalo da vida. Mais todas estas serraduras obedecen a un mirar atento, a unha intencional escoita da convivencia. 

Entrade.

A edición, ao igual que outras publicacións de Estraperlo, ten un formato que se sae do habitual: o libro adopta a forma dunha baralla de cartas que, con texto por un lado e ilustración polo outro, evitan a confrontación de palabra e imaxe e, segundo Enrique Lista, o editor, “convidan a entrar no xogo: aínda que as cartas estean numeradas e a secuencia dos relatos teña sentido no seu conxunto, nada impide barallar para atopar novas lecturas”.

Utilizamos cookis para asegurarnos que damos a millor experiencia ó usuario na nosa web. Se segues utilizando este sitio asumiremos que estás dacordo.