O público está aquí

Sabela Mendoza

12,00 €

Sinopse

O público está aquí recolle un traballo de investigación e de escrita arredor do público e a escena, propoñendo unha dobre lectura, entre a teoría e a práctica: por un lado un ensaio poético, por outro lado unha conferencia performativa. Dúas aproximacións ao espazo que ocupa o espectador nas artes vivas contemporáneas, as pautas que guían a súa participación e os xestos e accións que determinan a mirada.

Estas reflexións sobre o público discorren en paralelo a outras asociadas á construción da participación democrática, na procura dunha resignificación que supere a suficiencia das fórmulas e mecanismos. “Cara onde estamos mirando? Aínda podo ver?” son algunhas das cuestións que lanza o texto, inspiradas naquelas producións artísticas actuais que non podemos ver porque foron interrompidas ou desprazadas, e propoñendo un exercicio de desvío da mirada: “a danza é o presente máis intenso que coñezo”.

Info

Título: O público está aquí
Autora: Sabela Mendoza

Publicación: Estraperlo

Editor: Tono Mejuto
Deseño: Tono Mejuto
Corrección de textos: Lorena Paz López

Imprenta: Gráficas Mera, A Coruña
Edición: 1ª, decembro 2019
Tirada: 150 exemplares galego / 150 exemplares español

Dimensións: 10,5×18,3cm
Páxinas: 104

ISBN: 978-84-949791-4-9 (galego) / 978-84-949791-5-6 (español)
Depósito Legal: C 2139-2019 (galego) / C 2138-2019 (español)

Actividade subvencionada pola Deputación da Coruña

Bio

Sabela Mendoza (Santiago de Compostela, 1984) é investigadora e xestora cultural. O seu traballo está centrado nas artes escénicas e a creación contemporánea, especialmente no estudo da danza. Licenciada en Dereito (Universidade de Vigo), Máster en xestión cultural (UC3M) e Máster en práctica escénica e cultura visual (UCLM). Comeza a traballar como coordinadora de proxectos culturais no 2008 en Madrid, en institucións como a Residencia de Estudiantes ou a empresa i con i, na que dirixiu o Festival Ilustratour. Como profesional independente ten traballado como curadora, asesora ou xestora con Hablar en Arte, Teatro Pradillo, Consultarte, Colectivo RPM, Proxecta ou Curtocircuíto, entre outras. Desde 2016 reside en Galicia, onde tamén colabora co coreógrafo Javier Martín e coordina o Taller de público(s) no TRCDanza. No 2016 estrea a performance O público está aquí, presentada en Madrid, Montevideo, México e Galicia. Recentemente pon en marcha De corpos presentes, plataforma galega para as artes performativas contemporáneas. Escribe sobre danza en revistas e no seu blogue acuerpodebaile.com